Estas noticias corresponden al Número 608
As catro xuntas electorais provinciais galegas recibiran un total de 23.416 votos procedentes do exterior ata o pasado 23 de febreiro. Trátase dunha cifra importante cando aínda quedan cinco días de prazo -ata o 28 de febreiro- para que as emigrantes poidan remitir o seu voto. Cómpre ter en conta que o 18 de xuño de 2005, un día antes da última xornada electoral, xa se recibira o 86% dos votos do exterior. Doutra banda, xa se recibiron 11.075 votos na Xunta Electoral de Ourense, o que supón máis do 50% do total dos recibidos no 2005 (21.048). A provincia de Ourense foi a única na que non houbo impugnacións de listas polo que o envío da documentación non sufriu ningunha demora. Segundo este dato, cando aínda faltan 15 días para o escrutinio e tendo en conta que o groso dos votos adoita recibirse a semana anterior á xornada electoral, cabe prever que a participación dos residentes no exterior vai ser maior ca no ano 2005, cando acadou case o 35%. [+] |
A Xunta Electoral Central decidiu admitir, a petición do Ministerio do Interior, que o certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular sirva tamén como documento para garantir a identidade do votante. Deste xeito, agora son catro os documentos que poderán empregar os residentes no estranxeiro: unha fotocopia do DNI, unha fotocopia do pasaporte, un certificado de nacionalidade e o devandito certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular. Calquera deles é necesario e obrigatorio para que o voto sexa introducido na urna. Por outra banda, desde algúns consulados están a recomendar que aquelas persoas que teñan o DNI ou o pasaporte caducado soliciten o certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular xa que ningunha autoridade competente se manifestou sobre a valideza das fotocopias de pasaportes que non estean en vigor. [+] |
O Partido Popular de Galicia puxo en coñecemento da Xunta Electoral as anomalías que se están a rexistrar co voto emigrante en diferentes oficinas do Correo arxentino, que non entregan o comprobante certificado do voto aos cidadáns galegos que acoden a depositar o seu sufraxio nesas dependencias. Segundo unha nota de prensa, o PPdeG ten constancia de que esta anomalía se rexistra en oficinas de áreas como Lanús Este, Anatole France e 9 de Julio, entre outras. Alfonso Rueda, secretario xeral dos populares galegos, advirte que esta circunstancia constitúe un feito de extrema gravidade que abre a porta unha posible manipulación dos sufraxios emitidos, na medida en que os votantes se ven privados de calquera comprobante que acredite a emisión dun voto que se torna susceptible de calquera manexo irregular.
[+] |
O director do Departamento do PP no exterior, Alfredo Prada, admitiu que o voto das emigrantes españois no exterior contará con máis garantías nas eleccións vascas e galegas do 1 de marzo ca as que houbo no ano 2005. Iso si, expresou o seu desexo de que nos vindeiros comicios os españois no exterior poidan votar en urna. “Espero que nos próximos comicios o Goberno socialista rectifice a súa posición obstrucionista e os emigrantes españois poidan votar en urna”, declarou Prada, tras lembrar que os venezolanos ou ecuatorianos que viven en España utilizan este método para participaren nas eleccións do seu país. Os populares viñeron demandando ao Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero nos últimos meses ese voto en urna por consideraren que o actual sistema de voto por correo está “obsoleto e carece das garantías e transparencia necesarias”. [+] |
O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, acusou o Partido Popular de fomentar unha campaña de desmovilización para que os emigrantes galegos non participen nas vindeiras eleccións galegas “porque saben que a única posibilidade que teñen de gobernaren é coa abstención”. Segundo explicou a 'España Exterior', a decisión da Xunta Electoral Central que obriga os electores galegos a anexar fotocópiaa do pasaporte para poderen emitir o seu voto “foi unha manobra do PP para xerar algún tipo de confusión entre a xente, que está afeita a votar doutro xeito. Esta esixencia forma parte dunha campaña que impulsaron co único fin de que vote a menor cantidade de emigrantes”. [+] |
Os voceiros do PSOE Europa e do PSOE América, Marco Ferrara e Fernando Sampedro, respectivamente, realizaron un chamamento á participación dos mozos españois do exterior nas eleccións galegas e vascas do 1 de marzo. No marco da xuntanza que mantiveron en Santiago de Chile, ambos os dous dirixentes, de 26 e 29 anos, respectivamente, consideraron “indispensable” que a mocidade do estranxeiro faga efectivo o seu dereito ao voto por correo. “Os mozos habemos de tomar as rédeas do noso futuro e xamais abandonar en mans dos demais o poder de decidir por nós o que nos convén”, declarou Ferrara. Por outra banda, o secretario xeral do PSOE Europa, Javier Moreno, nun acto celebrado en Bruxelas, afirmou que “no exterior, gañamos o PP as pasadas eleccións xerais por 2 a 1, e agora, nas galegas e vascas, será por 3 a 1 ou por goleada”, concluíu Moreno. [+] |
O BNG acusou o PSOE e o PP de xogaren dun xeito “impresentable” co voto dos españois residentes ausentes, segundo gobernen ou non, e confiou en que nesta lexislatura se reforme a lei electoral para permitir que o voto no estranxeiro se faga en urna ou por correo, pero “con todas as garantías”. Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Congreso, peleará na sede parlamentaria por unha reforma que remate co que para el “é unha vergoña e un escándalo”, xa que o actual sistema que regula o voto das emigrantes “non reúne as mínimas garantías democráticas”. [+] |
César Antelo repite como presidente da Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU), que este ano conmemora o seu vixésimo aniversario. O vicepresidente que acompañará a Antelo será un empresario da madeira e escultor, José Villaverde, volvendo a integrar a directiva, agora como secretario, o empresario do transporte Antonio Ríos, xustamente quen presidise a primeira xunta que estimulase o desenvolvemento de asociacións dos empresarios galegos de Uruguai como xeito de saíren da crise que soportaba a rexión. O tesoureiro voltará a ser Fernando Feijóo, quen repite no cargo. [+] |
A Policía venezolana detivo o mércores 11 de febreiro un dos fillos da empresaria galega Sesita Vecoña Otero, asasinada a tiros nun dos seus hoteis de Caracas o mes pasado de novembro, acusado de encargar o crime da súa nai. A muller era ourensana de nacemento aínda que levaba moitos anos afincada en Vigo, onde tiña negocios de hostalería. Elisardo Alonso Vecoña, ‘Capino', conviría en aboar 50 millóns de bolívares fortes (uns 10.000 euros) aos sicarios, pero tivo que pagar a prazos porque as súas contas foron embargadas, e non chegou a realizar todos os pagamentos, segundo os medios de comunicación venezolanos. Ademais do presunto indutor do crime foron arrestadas outras tres persoas: os dous sicarios e o intermediario que puxo en contacto o fillo da vítima cos seus verdugos. [+] |
O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo alcalde de Viveiro, Melchor Roel Rivas, o delegado xeral da caixa de aforros ‘La Caixa' en Galicia, Marc Benhamou, e a vicepresidenta segunda da institución provincial, Lara Méndez, inaugurou a oficina provincial que atenderá todos os emigrantes e inmigrantes lucenses, denominada a Casa do Emigrante. A Casa do Emigrante conta cun orzamento de 80.000 euros, dos que a Deputación achega 40.000, a mesma cantidade que ‘La Caixa'. Por outra banda, Gómez Besteiro escolleu o sistema de videoconferencia para entregar os diplomas do Programa Iniciativas Emprendedoras, dirixido a emigrantes lucenses e os seus descendentes en Venezuela e Arxentina.
[+] |
|